Itinerario 

01 Orixes  

Nun percorrido ao longo do tempo, desde a Prehistoria ata a actualidade, descubre as innovacións técnicas que permitiron que hoxe en día gocemos das cervexas tal e como as coñecemos. 

Sinte o orgullo de Estrella Galicia pola súa orixe galega: coñece como gozamos da nosa gastronomía, como apoiamos o mundo rural, traballando con produtores locais; como vibramos cos nosos equipos e nos emocionamos coa nosa cultura e as nosas festas. 

02 Materias Primas 

Coñece, primeiro, unha materia prima moi especial para nós: a familia Rivera. A través dun álbum familiar, descubrirás como cada etapa e os seus progresos foron a clave para convertérmonos no que somos hoxe en día e como José María Rivera Corral, fundador da compañía, conseguiu trasladarlles ese entusiasmo e saber facer ás seguintes xeracións. 

Inicia, despois, un percorrido inmersivo polas materias primas máis convencionais: auga, lúpulo, cereais e fermento. Froito destes catro ingredientes nace a cervexa. Poderás ulir, tocar e experimentar de primeira man a importancia de cada un destes elementos nas nosas receitas.  

03 Elaboración 

Coñece o proceso de elaboración da cervexa no antigo corazón da fábrica: a sala de cocemento, onde cada mestre cervexeiro achegou elementos persoais cos que se conseguiron cervexas con identidade propia. Descubre as catro etapas da elaboración cervexeira: cocemento, fermentación, maduración e acondicionado.  

04 Envasado 

O envasado cobra un gran protagonismo e permite que a cervexa chegue aos consumidores nas mellores condicións. 

O MEGA sitúase nun enclave único: dentro da propia fábrica de Estrella Galicia, na Coruña. Xa que logo, é un museo «vivo», no que poderás ver como os nosos compañeiros e compañeiras envasan as cervexas en directo. 

05 Cervexas e Distribución 

Ao longo dos anos, son moitas as cervexas que formaron e seguen formando parte da nosa compañía.  

Descubrirás como medrou a familia desde os seus inicios en 1906 ata o hoxe en día. Edicións especiais, unha ampla colección de etiquetas e moito máis! 

06 Publicidade e Patrocinio 

As nosas primeiras campañas publicitarias e colaboracións.  

Revive os fitos publicitarios da marca e descubre a través do patrocinio deportivo e musical o apoio de Estrella Galicia ao talento. 

07 Degustación e Obradoiros Cervexeiros 

Para culminar a túa experiencia da mellor maneira, na nosa sala de degustación aprenderás a tirar a túa propia cana, gozarás dunha maridaxe de queixos ou mesmo poderás participar nun obradoiro de introdución á cata na nosa sala de obradoiros… Onde mellor que na nosa casa! 

08 Tenda 

Por último, pero non por iso menos importante, a nosa tenda oficial. 

Un espazo exclusivo onde atoparás produtos cervexeiros únicos. 

E todo isto acompañado das nosas e dos nosos mellores guías! Consulta todas as opcións que ofrecemos e personaliza a túa visita.