Que ver na Coruña?
Ao noroeste da Península Ibérica está unha rexión cuxos bosques, praias e recantos máxicos non deixan indiferente a ninguén ao seu paso. Esa rexión non é outra que A Coruña. E é que Galicia é unha das rexións máis visitadas de España, precisamente por ese encanto místico que a caracteriza. Porque alí maxia e realidade poden chegar a fusionarse nun só encontro que si ou si lembrarás para sempre. Nós, en concreto, queremos falarche dun recanto de Galicia moi especial, que non é outro que a nosa sede: A Coruña. Estamos moi orgullosos da nosa terra, do noso polbo á feira, dos nosos viños e queixos e das nosas praias.
Dez sitios que ver, si ou si, na Coruña
Queremos ensinarche todo, así que che mostraremos aquí dez lugares que debes ver, si ou si, na Coruña se queres que a túa experiencia sexa plena:
- A torre de Hércules
- O porto da Coruña
- Zona vella da Coruña
- A Rosa dos Ventos
- O castelo de Santo Antón
- Miradoiro de San Pedro
- Praza María Pita
- A costa da Morte
- O campo da Rata
- O Museo de Estrella Galicia (MEGA)
A torre de Hércules
Rodeada de mito e lenda, a Torre de Hércules é un dos grandes emblemas da Coruña. É o faro romano máis antigo do mundo e o único que actualmente segue funcionando, malia as numerosas reformas que sufriu ao longo da súa historia. Desde a torre, o mundo parece inmenso e a vista pérdese no horizonte. Na súa parte máis alta, poderás ver unha panorámica inigualable. Na súa parte máis baixa, encontrarás restos de achados arqueolóxicos que che farán mergullarte nas profundidades das máis remotas lendas. E como último detalle, se queres gozar dunha luz espectacular, vai ver o faro xusto antes do amencer. O seu halo de luz mestúrase coas luces do amencer nunha vista inesquecible.
O porto da Coruña
Alí onde se amarran os barcos e van e veñen as aventuras é o porto da Coruña, un lugar que non podes deixar de ver, especialmente se che gusta o mundo náutico. Cunha colección interminable de barcos, pode que incluso teñas a sorte de bater cun dos enormes buques escola: barcos estranxeiros que albergan un museo no seu interior para dar a coñecer a súa cultura e costumes a aqueles que queiran visitalos. Ademais, nesta zona tamén poderás encontrar o casino e a avenida acristalada da Mariña, un espectáculo para a vista.
A zona vella da Coruña
A zona vella da Coruña ofréceche un percorrido pola historia, con edificios de estilo costeiro, ventás impresionantes e rúas cheas de vida. Poderás camiñar pola rúa Real, ademais das rúas Franja, Galera e Estrella. Aquí é onde encontrarás as principais zonas de ocio da cidade; poderás gozar dun ambiente de tapeo, viños e eventos en directo que deleitarán todos os teus sentidos ao máis puro estilo galego.
A Rosa dos Ventos
Debaixo da Torre de Hércules encóntrase situada esta emblemática Rosa dos Ventos: un compás en forma de mosaico que guía o rumbo de calquera que o perdese. Este lugar considerouse sempre como un recanto espiritual, o centro de antigas lendas que hoxe en día se seguen transmitindo de boca a boca. É habitual encontrar persoas meditando e hai unhas vistas espectaculares á praia de Riazor.
O castelo de Santo Antón
A nosa cidade foi obxecto de continuos intentos de asedio e o Castelo de Santo Antón é para nós un gran símbolo de forza e resistencia. Desde 1994 está considerado como ben de interese cultural na categoría de «monumento» e alberga o Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña. Como dato curioso, chegou a tomar o papel tanto de fortaleza contra as invasións no século XVI como de prisión e hospital de corentena para tratar aqueles mariñeiros que traían enfermidades.
O miradoiro de San Pedro
Non hai cidade que se prece que non teña un miradoiro digno dende onde contemplar toda a paisaxe. A Coruña ten o seu no extremo leste da praia de Riazor, situado no monte de San Pedro, e desde as alturas poderás gozar dunha impresionante vista da cidade. Por suposto, a zona conta cun restaurante e unha ampla zona verde onde poder sentar tranquilamente a gozar do atardecer cunha cervexa ben fría.
Praza María Pita
Esta praza da Coruña ten o nome dunha das heroínas da cidade: María Pita. O nome real desta guerreira foi Mayor Fernández de la Cámara Pita. Conta a historia que a armada inglesa, co corsario Drake ao mando, pretendía asediar a cidade da Coruña. Non obstante, a coraxe de María Pita para defender a súa cidade infundiulles valor aos soldados españois que alí se refuxiaban e entre todos conseguiron botar os invasores. De feito, María Pita asasinou a un dos alféreces e, ante a sorpresa dos ingleses, os españois realizaron unha memorable ofensiva que acabou co repregamento das tropas inglesas. A escultura de María Pita loce impoñente na praza que leva orgullosa o seu nome. Ademais, comparte sitio co precioso Concello da Coruña, o que o converte nun sitio de obrigada visita para os turistas.
A costa da Morte
É imposible falar da Coruña e non mencionar un dos seus lugares máis emblemáticos e famosos: a Costa da Morte. Este espazo natural leva certo tempo visitalo ao completo, pois conta tanto con praias como con rutas de sendeirismo, paseos extensos e, en definitiva, un gran legado cultural que non poderás percorrer nun só día. Tómao con calma e percorre este lugar ao completo, será unha experiencia que nunca esquecerás.
O campo da Rata
O parque escultórico do Campo da Rata é un conxunto de monumentos xunto á Torre de Hércules que foi declarado patrimonio da humanidade en 2009 pola UNESCO. Dispón de dúas instalacións: o monumento en memoria aos fusilados na República, de Isaac Díaz Pardo, e os Menhires pola Paz, de Manolo Paz. Alí tamén podemos encontrar a Casa das Palabras, un antigo cemiterio musulmán. Este lugar conta cun gran valor simbólico, con ambientación celta máis que patente e un aire de encanto que a mesma UNESCO tivo en conta á hora de consideralo un lugar para conservar eternamente.
O Museo de Estrella Galicia (MEGA)
En Mundo Estrella Galicia poderás coñecer todo sobre unha das cervexeiras máis antigas de España e que ademais se encontra dentro da propia fábrica, onde poderás gozar de numerosos obradoiros e eventos. Cunha longa tradición familiar, patrimonio e saber facer que farán que a túa visita sexa única e inesquecible. Un museo onde poderás sentir, tocar e experimentar. Poñendo en valor a cervexa e a cultura de cervexa, poderás coñecer o proceso de elaboración e todos os ingredientes que fan que Estrella Galicia sexa única. Unha inmersión cultural fóra do común onde poderás formar parte dos nosos obradoiros, aprenderás a tirar a túa propia cana e culminarás a túa experiencia cunha cata das nosas cervexas e onde mellor que na nosa casa. Empápate do noso espírito cervexeiro!